O pasado venres 27 de Xaneiro celebrouse na Pobra do Caramiñal a proba correspondente á fase intercomarcal de campo a través en idade escolar, para a cal estaban clasificados 21 alumnos e alumnas do CEIP Eugenio López, que previamente clasificaron na fase comarcal disputada en Cee o pasado 7 de Decembro. Nesta proba o nivel dos participantes era superior á anterior: hai que ter en conta que todos estaban clasificados de carreiras previas, e a isto hai que engadir que tamén estaban presentes integrantes de clubes de atletismo, non só de colexios.
A primeira carreira en disputarse foi a da categoría benxamín feminino, onde corrían nenas de 3º de Primaria: Ana, Aroa, Carmen, Diana, Lucía e María. A distancia que percorreron foi de 600 m. e o resultado de todas elas foi moi bo, tanto que remataron terceiras clasificadas por equipos e subiron ó podio a recoller candansúa medalla e un trofeo.
A continuación disputouse a carreira de categoría benxamín masculino, coa participación de nenos da mesma idade que na anterior proba e co mesmo percorrido. Neste caso os participantes foron: Adrián, Leo, Manuel, Pablo, Rubén e Santi. Todos o fixeron ben e remataron moi cansos porque usaron tódalas súas enerxías para acabar nos mellores postos posibles.
Na carreira de categoría alevín feminino correu Marta de 4º A. Fixo unha boa carreira nos 1000 m. de percorrido tendo en conta ademais que corría con nenas da súa idade e nenas que teñen un ano máis que ela.
Na seguinte carreira, de categoría alevín masculino, correron Marco de 5º B e Xan de 4º B. A distancia que percorreron foi de 1200 m. Marco sufriu unha caída ao comezo da proba e polo tanto o seu posto foi peor do que merecía. Pola xúa parte Xan, tiña o mesmo "problema" que Marta, corría con nenos da súa idade e nenos que teñen un ano máis. E un ano nótase tanto en talla (maior zancada) coma en resistencia. Aínda asi acabou nun bo posto.
A última carreira na que había participantes do colexio era en categoría infantil masculino, cos nenos de 6º: Fabio, Gerardo, Jesús, Mario, Samuel e Xabier. Estes nenos correron 1600 m. Todos acabaron cansos, debido á distancia percorrida. Tamén hai que destacar que a máis idade, máis se nota o adestramento dos nenos e nenas que practican atletismo, e corrían tamén nesta categoría os nenos de 1º da ESO.
Cando envíen as clasficicacións tanto individuais como por equipos poñerémolas no blogue.
Felicitamos a tódolos nenos e nenas que participaron polo seu bo comportamento na viaxe, o ben que correron e o ben que o pasaron.
No hay comentarios:
Publicar un comentario